Saúdo do Secretario Xeral

Benvidos á web da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.

 

 

Esta fiestra, que se abre dende a nosa querida terra galega para o mundo, quere ser o espazo común de todos, para comunicarnos e achegarnos máis.

Internet permítenos acurtar tempo e distancias, axiliza as nosas xestións e mantennos máis e mellor informados. Pero de nada nos serviría senón tivésemos instrumentos e contidos actualizados, que susciten o máximo interese dos cidadáns. Ese é, precisamente, o obxectivo que nos fixamos con esta web: ofrecer unha ferramenta útil aos emigrantes, ás súas familias e en xeral a todos cantos queiran estar informados sobre o labor que o Goberno de Galicia realiza en materia de emigración.

Somos unha terra que quere ao emigrante. Todos os galegos temos coñecido ou vivido en primeira persoa o significado da emigración. E a Galicia moderna e competitiva que hoxe se abre ao mundo quere compartir coas súas comunidades na diáspora a súa cultura, tecnoloxía, tradicións, hospitalidade e experiencia milenaria dun pobo que dende a Fisterra de Europa se brinda orgulloso ao mundo.

Os emigrantes galegos e os seus descendentes conforman a maior cidade galega no exterior. O Goberno de Galicia é consciente diso e por elo pon en marcha proxectos que achegan valor e benestar aos seus cidadáns na diáspora.

A promoción económica, social e cultural, as axudas aos máis necesitados, a formación, as políticas de emprego, a colaboración cos retornados, a potenciación das comunidades e centros galegos, os proxectos de colaboración… Todo canto a Galicia do século XXI poida ofrecer estará ao servizo dos emigrantes e as súas familias.

Esta Galicia de mozos e maiores, de estudantes e empresarios, de obreiros, de investigadores e profesionais, de mulleres e homes que, como todos, buscan o benestar e a felicidade dos seus, ponse agora nas súas mans, querido internauta, a través desta web, que desexamos contribúa a seguir manténdonos unidos.

É un desexo que converto en responsabilidade, para tender a través de esta fiestra a man da miña colaboración e o apoio do Goberno de Galicia a todas as nosas comunidades no exterior.

Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración
Xunta de Galicia