
¿Que é o Consello de Comunidades Galegas?
O Consello de Comunidades Galegas, creado pola Lei galega 4/1983, do 15 de xuño, de Recoñecemento da Galeguidade é o órgano representativo das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Con carácter deliberante e funcións consultivas, o consello asesora á Administración autonómica no cumprimento dos fins establecidos na lei 4/1983.
A súa organización e funcionamento regúlase no Decreto 4/1987, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, modificado polo Decreto 195/1991 de 30 de maio:
Compoñen o Consello de Comunidades Galegas:
- Presidente: O presidente da Xunta de Galicia.
- Vocais: Os conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Educación e Ordenación Universitaria, Economía e Industria, Traballo e Benestar, Cultura e Turismo e Sanidade.
- O Secretario Xeral da Emigración.
- O Secretario Xeral para o Deporte.
- O Secretario Xeral para o Turismo.
- Un representante do Consello da Cultura Galega.
- Un representante da Real Academia Galega.
- Un representante de cada unha das tres universidades galegas.
- Un representante por cada unha das comunidades inscritas no Rexistro de Comunidades Galegas.
Pódense incorporar ás sesións do Pleno, con voz pero sen voto, aquelas persoas que o presidente do consello xulgue oportuno que asistan pola súa destacada personalidade ou relevancia nos ámbitos social e cultural de Galicia.
O Pleno reúnese en sesións ordinarias cada tres anos, e a última reunión deste tivo lugar nos días 24 e 25 de agosto de 2006 en Santiago de Compostela.
Son competencias do Pleno do Consello de Comunidades Galegas:
- Deliberar sobre tódolos asuntos contidos na orde do día e, en particular, sobre os informes, estudios e propostas que sexan sometidas ó seu exame e consideración.
- Elixir e nomea-los vocais representantes das áreas xeográficas na Comisión Delegada do Consello.
- Establece-los criterios xerais ós que se terá que suxeita-la actuación da Comisión Delegada durante o período do seu mandato.
- Calquera outra función que lle poida corresponder conforme á Lei galega 4/1983, de recoñecemento da galeguidade, e que estea expresamente atribuída a outros órganos.
A Comisión Delegada funciona como órgano permanente e reúnese anualmente.
Está composta por dezaseis membros: dous polo seu cargo, dous permanentes e doce electos.
- O Presidente da Xunta de Galicia.
- Secretario Xeral da Emigración.
Permantes:
- Un representante do Centro Gallego de Buenos Aires e outro da Casa de Galicia de Montevideo.
Electos:
- Catro vocais representantes dos centros de España inscritos no Rexistro de Comunidades Galegas.
- Catro vocais representantes dos centros do resto de Europa inscritos no Rexistro de Comunidades Galegas.
- Catro vocais representantes dos Centros de América inscritos no Rexistro de Comunidades Galegas.
Durante o período de tempo que dure o seu mandato, a Comisión Delegada reunirase, cando menos, unha vez ao ano e, en todo caso, cando o solicite o seu presidente ou a petición da maioría simple dos seus membros.
É competencia da comisión delegada:
- Preparar as sesións do Pleno, tanto ordinarias como extraordinarias, fixando as ponencias que se deban estudar e discutir nel.
- En xeral, asesorar á Administración Autonómica na execución de accións a favor da Galicia Exterior.
A última reunión tivo lugar os días 30 de outubro e 1 de novembro de 2008 en Lisboa.




